O concello de Betanzos ocupa una extensión de 24,19 km², sendo un dos máis pequenos da provincia. Conta con 8 parroquias. Limita ao norte coa ría de Betanzos e con Bergondo; ao leste con Paderne e Coirós; ao sur con Oza dos Ríos; e ao oeste con Abegondo. Está atravesado polos ríos Mandeo, Mendo e Mero. A cota máxima apenas supera os 200 metros.
[editar] Historia
Existen indicios de asentamentos primitivos en Betanzos, se ben non aparece documentada a súa existencia ata o Imperio Romano, na obra Geografia de Ptolomeo, co nome de Flavium Brigantium, se ben na actualidade parte da historiografía sitúa tal cidade na Coruña. Nesta época o núcleo principal de poboación que recibía o nome da cidade emprazábase en San Martiño de Tiobre, cuxa igrexa matriz consagrou o arcebispo Diego Xelmírez. Neste vello emprazamento Betanzos padeceu as incursións normandas ao mando de Horrich e posteriormente do propio rei Olaf en 1015. En 1219 a poboación trasladouse da súa antiga localización (San Martiño de Tiobre, coñecido como Betanzos O Vello) á súa localización actual, sobre o antigo castro de Untia, onde houbo unha encomenda templaria onde actualmente se levanta o mosteiro de San Francisco.Betanzos xogou un papel central na Grande Guerra Irmandiña. Líderes da Irmandade como Alonso de Lanzós ou Joan Branco foron naturais da cidade. Precisamente, en 1465 Henrique IV concedeu á poboación o título de cidade, e en 1467 permitiulle a celebración dunha feria franca anual grazas á mediación de Joan Branco. Grazas a este capitán irmandiño a cidade de Betanzos recuperou o seu voto nas Cortes.
Anos máis tarde, na reorganización territorial dos seus reinos, os Reis Católicos dividiron a antiga provincia de Betanzos en dúas, creando a de A Coruña e mantendo a Betanzos como capital de provincia, na que foi a época de maior esplendor da cidade. Porén, tras unha serie de incendios xerais e malas colleitas chegou unha decadencia, agravada en 1834 coa nova división administrativa de Javier de Burgos, que integrou a antiga provincia de Betanzos na da Coruña.
Unha serie de pragas da vide contribuíu á decadencia da cidade a cabalo entre os séculos XIX e XX. Revitalizada coa chegada do ferrocarril a principios do século XX, na actualidade Betanzos continúa sendo un importante núcleo turístico, comercial e administrativo. Desde 1970 o casco antigo está declarado Conxunto Histórico-Artístico.
[editar] Economía
A súa economía está baseada fundamentalmente nos servizos. Betanzos é un centro administrativo e xurídico da comarca que leva o seu nome, baseando o seu crecemento no comercio, a banca, a cultura e o turismo.Desde o punto de vista industrial, a cidade converteuse, pola súa situación estratéxica, en centro loxístico dalgunhas das maiores empresas de transportes ou abastecementos alimenticios da zona.
[editar] Monumentos
Capital do gótico galego, Betanzos conserva un dos cascos históricos mellor conservados de Galicia. En Betanzos destacan os seguintes monumentos:- Igrexa de Santiago, s. XI, reedificada no s. XIV.
- Igrexa de San Francisco, s. XIV.
- Igrexa de Santa María do Azougue, s. XIV.
- Murallas da cidade, do s. XV. Tiña catro portas (das que se conservan tres: a da Ponte Vella, da Ponte Nova e da Ribeira; a Porta da Vila foi derruída en 1872) e o postigo do Hórreo (derruído no século XVIII).
- Pazo de Bendaña, s. XV
- Casas góticas da Rúa da Cerca, dos s. XV (número 5) e XVI (número 9).
- Torre Municipal, ou "do Reloxo", s. XVI
- Convento das Nais Agustinas, antigo Hospital Real, s. XVI
- Santuario da Nosa Señora dos Remedios, s. XVI, obra de Juan de Herrera.
- Pazo de Lanzós, s. XVII
- Igrexa e Convento de Santo Domingo, s. XVII. Da torre colga o Globo de San Roque.
- Casa Consistorial, s. XVIII
- Edificio do Arquivo, ou "Liceo", s. XVIII, levantado para o Arquivo do Reino de Galicia.
- Pazo dos condes de Taboada, s. XIX.
- Casas e palacetes modernistas: Casa Núñez, Casa Pita, Casa Limiñón, Casa do Pobo, s. XIX-XX.
- Palco da Música, s. XX, desde onde Manuel Lugrís Freire pronunciou en 1907 o primeiro discurso público integramente en lingua galega.
- Legado dos irmáns García Naveira na cidade, s.XIX-XX, cargado do modernismo da época: Casa do Pobo, Lavadoiro Público, Escolas de San Francisco, Escolas e Asilo García Naveira, Refuxio, Sanatorio San Miguel e o parque do Pasatempo.
[editar] Museos
- Museo das Mariñas: museo etnográfico e histórico inaugurado en 1983, ocupando o antigo convento de Santo Domingo. Destacan a súa colección de escultura funeraria medieval, con diversos sartegos e laudas; o cadro Apostolado, da escola de Rubens; a sala destinada ás antigas escolas, en homenaxe ós irmáns García Naveira; e a sección do traxe galego, con máis de 50 traxes tradicionais.
- Museo da Estampa Contemporánea: localizado na sede da Fundación CIEC, recolle obras de artistas tan destacados como Pablo Picasso, Amadeo Gabino, Luís Seoane ou Jesús Núñez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario