Bautizada polos romanos como "A cidade de ouro" (Auriense) pola súa abundancia neste metal precioso, foi unha importante cidade da provincia romana de Hispania ata que se esgotaron as súas reservas deste mineral, que se atopaba no Río Miño. Un topónimo relacionado é o da próxima praia fluvial de Oira.
Tamén se cre que o nome da cidade vén do latín aquare urente (Augas abrasadoras), ou do xermánico Warmse (Lago quente), polas coñecidas fontes de augas termais, As Burgas, (nome derivado do latín Burca que significa pía), unha das moitas que existen no Concello.
[editar] Historia
- Artigo principal: Historia de Ourense.
Xardín das Burgas.
Situada preto da Vía Nova que unía Bracara Augusta (hoxe Braga en Portugal) con Asturica Augusta (hoxe Astorga) a cidade mantivo importancia tras a época romana pola súa ponte e situación central na antiga Gallaecia.
Foi corte real dos suevos crese que durante o reinado de Carriarico/Teodomiro que foi o que fundou a primeira igrexa dedicada a San Martiño de Tours.
Tras as incursións árabes e normandas do século X, iníciase unha lenta recuperación. En 1084 o bispo Ederonio restaura a catedral, hoxe Igrexa de Santa María Nai.
Mais será durante o bispado de don Lourenzo cando dona Tareixa de Portugal concede a xurisdición da cidade ao bispo e aos seus sucesores en 1122 situación que se mantería ata o século XVII.
Ao longo da Idade Moderna Ourense foi cidade de cregos, nobres e funcionarios, sendo a súa industria a do viño, que se mantivo ata as pragas de finais do XIX. Neste século a cidade vai incrementar a súa poboación coa construción da Estrada Villacastín-Vigo, e a nova liña férrea Monforte-Vigo tamén fai medrar a cidade, que se espalla máis aló do tradicional casco vello.
Durante o século XX este crecemento mantívose: Ourense continuou a ser o centro administrativo da provincia gañando un notable pulo comercial ligado a emigración procedente de Zamora, Logroño e León que aparece atraída polas novas vías de comunicación.
Actualmente Ourense é un importante nó de comunicacións onde se cruzan tres autoestradas, catro Estradas Nacionais, así como catro vías de ferrocarril. A estación Ourense-Empalme, unha das dúas estacións coa que conta a cidade, é a máis importante de Galicia, dende onde se centraliza todo ao tráfico ferroviario do noroeste da Península.
[editar] Xeografía
- Altura máxima de 134 metros
- Latitude: 42º 19' 48" N
- Lonxitude: 07º 52' 12" W
- Superficie: 85,2 km².